Ermida de San Xoán Bautista

Texto recollido dun libro descoñecido, se alguén coñece o texto, pregase nos envíe os datos do libro

De orixe descoñecida, a ermida de San Xoán Bautista sita no lugar do Freixo de Abaixo documéntase por primeira vez no ano 1694, se ben debeu construírse bastante antes xa que nesa data o estado do edificio cualificábase de ruinoso, polo que as autoridades eclesiásticas esixían que se executasen as precisas reparacións. Aínda que tampouco se sabe de certo quen a erixiu, non hai dúbida de que se substentaba por unha fundación particular, con terras na propia Comesaña, Valadares e Navia, das que se detraía a esmola para unha misa cantada na festividade do santo e mailo necesario para mantela coa decencia e ornatos debidos; en 1772 desfrutaba do beneficio con título de capelán o cura de Priegue, e no 1828 andaba nas mans de D. Antonio Pérez y Novoa. Das visitas cursadas nas últimas décadas do séc. XVIII e comezos do oitocentos, infírense que os patróns non lle prestaban demasía atención, de xeito que en 1799 mesmo se mandou pechar ó culto ata que se arranxasen os desperfectos.

Os lindeiros foron sempre motivo de malquerencias e disputas, e como a ermida de san Xoán Bautista ficase preto da raia que separa as parroquias de Comesaña e Valadares -ver o plano adxunto-, en 1772 os abades dambas freguesías enzarzáronse nunha agria e pouco edificante disputa sobre a quen correspondía a territorialidade. O antecedente desta liorta está no recurso presentado pouco antes polo cura de Valadares na Real Audiencia de Galicia baseándose nunha escritura de apeo sacada do arquivo dos marqueses na que se fixaban os termos da divisoria; en vista do documento, o alto tribunal despachou unha requisitoria contra do párroco e dos veciños de Comesaña. Lonxe de arredarse e facendo caso omiso da disposición xudial, o 15 de xuño D. Jacinto Mariño denunciaba ante as autoridades eclesiásticas que na festividade de san Xoán do ano anterior o rector de Valadares saíra da súa igrexa con “procesión armada con cruz parroquial y pendones, y así se entró en la dicha ferigresía de Comesaña asta la referida capilla, y en ella cantó misa e hizo procesión alrededor della”; por riba -engadía- propasárase a visita-las casas do Freixo pola Pascua vestido coa estola, supoñemos que para cobra-lo direito chamado como esa vestidura litúrxica. A isto respostoulle axiña D. Benito Feijoo, insistindo en que era a el a quen lle correspondía percibi-la pitanza e as dereituras da misa e que continuaría celebrando a solemnidade, “pues claman por ella los fieles”.

En vista de que cada parte mantiña con firmeza as súas pretensións, o bispo, para evitar que a porfía pasase a maiores, optará por encargar un informe pericial ó abade de Coruxo D. José Romero, pero este pese a que estaba licenciado en dereito, redactou un escrito moi pouco clarificador que só contiña unha breve insinuación favorable ás aspiracións do crego de Comesaña. Contra do que era de esperar, o prelado tudense conminará ó rector de san Andrés para que se abstivese de oficiar na capela, baixo as penas ordinarias de rigor: excomuñón maior e máis 20 dcs. de multa. Sen embargo estas ameazas outra vez de nada serviron, xa que D. José Mariño o día 23 replicoulle que se ratificaba no anteriormente exposto, protestando que de ser preciso presentaría a escritura de fundación, os libros sacramentais e outros documentos que avalaban as súas demandas. Así as cousas, chegado o día do san Xoán, o párroco de Valadares fíxose coa chave da ermida, e alí, arroupado polos seus fregueses, oficiou unha misa cantada, presidiu a procesión, e, unha vez rematados os actos relixiosos, levou a imaxe do santo para a súa igrexa; reposto axiña da sorpresa, o abade de Comesaña nesa mesma xornada celebrará a función correspondente á festividade pero dentro do templo parroquial. Xa finalmente, a este non lle quedou outro remedio que acata-lo dictado do bispo, pero sen renunciar a continua-lo litixio acudindo ós tribunais de xustiza.

Sen dubidar do fervor que guiaba ós romeiros, o conflito entre os dous abades tivo como trasfondo unha motivación de índole económica; quizais por iso nas sucesivas visitas de 1778, 1799 e 1827 os mitrados miñotos seguiron incluíndo a capela da discordia dentro do distrito eclesiástico de san Andrés de Comesaña. Pola contra, tempo despois, en 1867, recoñecíase a pertenza á freguesía de Valadares; non obstante, nese mesmo ano, atendendo ó apartado da paraxe, a que os seus 41 veciños cumprían co precepto na igrexa de Comesaña, e a que cando un enfermo precisaba da absolución chamaban ó crego da mesma Comesaña, o bispo decidiu muda-la adscrición espiritual en favor da parroquia sureña. Hoxe, tanto no que se refire á administración civil -sobre a que nunca houbo dúbidas- como no que atinxe á demarcación diocesana, o lugar de Freixo forma parte de Valadares.

O edificio presenta unha planta lixeiramente irregular como resultado de dúas etapas constructivas perfectamente diferenciadas; o eixo central mide case 9 m. dos que 2/3 lle corresponden ó corpo novo, que ten unha longura de 5 m, só un chisco superior á da cabeceira. No tramo posterior conta con seis canzorros por cada lado, todos moi desgastados debido ó efecto da erosión; a maioría parecen carentes de decoración, pero cando menos nun percíbese con certeza a testa dun animal. O dobre zócalo inferior sobre o que asentan os muros debeu formar parte dos cimentos, aflorando cando se nivelou a altura para acopla-lo tramo dianteiro. A espadana, na que se insertaron as pezas das molduras é de factura recente, como asímesmo a cruz que coroa o cumio. O espacio interno, disposto baixo unha cuberta abovedada, carece de ningunha singularidade digna de mención.

Este conxunto de elementos dispares, especialmente os canzorros tipicamente románicos, presenta un problema de incoherencia con respecto á primeira datación documental -lémbrese, de fins do séc. XVII-. Agora ben, o non constar na fiable visita diocesana de 1529, sumado á ruina por esas mesmas datas da inmediata ermida de santa María de Comesaña ou, en todo caso, á reconstrución de moitos templos parroquiais antigos da bisbarra[1] -por ejemplo, a fronteira do de Comesaña refaíse no 1804- suxírenos como hipótese máis que probable o reaproveitamento de materiais procedentes de edificios altomedievais. Por outra banda, segundo unha estimación de 1867 a planta tiña unhas medidas aproximadas de 4 x 3 m, sensiblemente inferiores ás actuais; isto, xunto coa feitura menos rudimentaria do corpo septentrional, indícanos que este é producto dun engadido apegado nunha data sempre posterior ós mediados do séc. XIX.

[1]
A igrexa parroquial de San Salvador de Coruxo só conserva as ábsidas da primitiva traza románica, a de Santa Cristina de Lavadores parece que foi construída no ano 1201 e no séc. XII xa se documentan como parroquias Comesaña, Beade e Teis (SA BRAVO, H. – Rutas del románico en la provincia de Pontevedra. A Coruña, 1978; BANGO TORVISO, I. – Arquitectura románica en la provicia de Pontevedra. A Coruña, 1979, pp. 218-220 e ss.; PORTELA SILVA, E. – La región del obispado de Tuy en los siglos XII al XV. Una sociedad en la expansión y en la crisis. Santiago, 1976, p. 217).

 

  • Correo Freixo.Net

    Se queres ter o teu enderezo de correo electrónico o_teu_nome@freixo.net, pódelo solicitar poñendote en contacto con nos en info@freixo.net

    O custe é de 1,00 € ao ano. Os cartos recadados adicaranse a sufragar os gastos de mantemento da web.

  • Boletín de novas

  • Álbum de fotos

    86_freixo_fotos_antigas 92_freixo_fotos_antigas 87_freixo_fotos_antigas DCF 1.0 cochepasandoii cena9